Saturday 04 de May de 2024

Aberto o prazo de inscripción nos oito campos de voluntariado que oferta a Xunta este verán na provincia da Coruña


Póñense á disposición dos maiores de 18 anos de Galicia un total de 96 prazas na Coruña
A Xunta de Galicia abriu o prazo para inscribirse nun dos oito campos de voluntariado que oferta a Xunta de Galicia dentro da campaña O verán que necesitas na provincia da Coruña. Poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade un total de 96 prazas repartidas en campos adaptados ao novo escenario provocado pola crise sanitaria da Covid-19 nas comarcas da Coruña, Barbanza, Santiago, Ferrol e Bergantiños-Costa da Morte.
A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.
Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.
Desta maneira, das 348 prazas que oferta o Goberno galego, 96 distribúense entre as oito iniciativas que haberá na Coruña.
Nova oferta
Destes oito campos de voluntariado, tres deles son novos este ano na provincia da Coruña:
A Ciadella, no concello de Sobrado dos Monxes; Encaixe no camiño, en Camariñas; e o campo de voluntariado Amicos, en Boiro.
Como solicitar praza
O prazo desta convocatoria abriuse o xoves ás 16:00 h e pecharase tres días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción.
A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.